Ir o contido principal

Manuel Rodríguez López 2.0

O Proxecto

Manuel Rodríguez, foi nomeado Fillo Predilecto de Paradela, dá nome á Casa de Cultura daquel Concello, e tamén a un Certame Literario que promove o concello. Falecido en 1990, gárdase del unha fresca memoria pola incidencia especial da súa obra, tanto en Paradela como en Cataluña, xa que en Cataluña exerceu de galego consciente, e se alí desenvolveu o seu labor cultural ollando cara Galicia, o seu idioma foi sempre o galego, poñendo en valor o seu idioma precisamente nun ambiente catalán onde tantos emigrantes galegos precisaban de apoio moral para sentirse fortes, valorados e cunha cultura propia nun ambiente fortemente influenciador no que sempre logrou brillar con luz propia, e que os galegos cataláns tivesen expresión e voz, dentro e fóra daquel territorio.

Web do Proxecto

Información na web do Colectivo Egeria

Ver folleto completo

Ver "Antoloxía Poética"

Ver "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois"

 

Manuel Rodríguez López: Emigrante Galego, Poeta Obreiro

A Exposición

Por iso preparamos unha nova versión da exposición titulada MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, EMIGRANTE GALEGO-POETA OBREIRO, cun novo deseño gráfico, unha revisión dos contidos da primeira versión, e unha maior integración cos medios dixitais, xa que a propia mostra, por medio de códigos QR, permite acceder a centos de recursos de audio e vídeo que amplian os materiais expostos nos paneis. O obxectivo é difundir o especial papel deste escritor na poesía de Galicia do século XX, traballando sobre os temas da emigración, dos obreiros, da traxedia de ter que deixar a terra, das posibilidades de volta… Unha exposición así é única no seu xénero, e ningún escritor galego –vivo ou do pasado- recibe unha homenaxe coma esta polas dificultades que unha acción deste tipo supón, e porque habitualmente as homenaxes son fugaces, puntuais, e non con visión de futuro e transcendencia temporal.

Manuel Rodríguez López: Emigrante Galego, Poeta Obreiro

Itinerancia

Desde que a mostra foi presentada en Paradela en 2013, xa percorreu practicamente todas as cidades e vilas importantes de Galicia, así como os Centros Galegos de Barcelona, León, Salamanca, Vitoria, Valladolid, Las Palmas de Gran Canaria, Llodio, Sevilla, Pamplona ou Santander, e as Universidades de Cáceres, Granada e Bilbao, e a Casa de Galicia en Madrid. En Portugal estivo no Centro Galego de Lisboa, na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva en Braga, da man da Universidade do Minho, e na Universidade de Faro. En total, 55 emprazamentos distribuídos por toda a península, e máis de 20.000 quilómetros percorridos.

Os Paneis

Queres saber máis?

Contacta con Nós