Ir o contido principal

Paradela, Senda Infinita

O Proxecto

O concello de Paradela cumpre 200 anos!

Os 1.678 habitantes de Paradela celebramos que o noso concello celebra o seu bicentenario. E se non puidemos celebralo no momento exacto, facémolo neste Xacobeo prolongado, que para todos os galegos é tamén motivo de celebración.

Paradela -xunto co de Santa María de Castro de Rei de Lemos, agora parroquia nosa- foi dos primeiros concellos constitucionais e se daquela comezou a nosa historia moderna, celebralo dous séculos despois énchenos de ledicia que vos queremos contaxiar.

Paradela, senda infinita de natureza e vida, é parte esencial do Camiño Francés a Compostela, acubillou vida desde hai milenios e navegou camiños de auga que, mesmo represados, son fonte de vida.

Convidámosvos a Paradela, agora e sempre, para descubrir os nosos segredos, a nosa vida e a nosa hospitalidade.

Benvidos á terra amiga de Paradela!

Descargar folleto

 

 

Paradela, Senda Infinita

A Paradela Temporal

PARADELA, SENDA INFINITA pretende ser, á vez, unha realidade e unha metáfora. A metáfora sería a Paradela temporal; a realidade, a Paradela eterna.

A Paradela temporal é unha senda que comezamos a percorrer os paradelenses hai milleiros de anos, sabendo que a terra que pisamos é un gozoso misterio cunha chea de segredos e tesouros polos que tiñamos que loitar por nós, e contra nós mesmos. Unha viaxe no tempo que non está ao alcance de todos os camiñantes, pero que ledicia cando chegamos a esta terra, cando notamos que a pisamos e posuímos!

Paradela, Senda Infinita

A Paradela Eterna

A Paradela real é a existencial, a física, a das estradas que nos levan con rapidez dun a outro punto do noso existir, pero tamén aquela que nos leva por camiños máis difíciles e polo tanto máis fermosos, máis nosos canto menos invadidos están pola modernidade.

E esas dúas Paradelas (seguro que son só dúas?) son as que queremos que provoquen en vós un especial sentimento, un excepcional goce.

Porque Paradela, aínda que veñades de moi lonxe, é cada un de vós. E moi posiblemente descubrades que cada un de vós, vendo, pisando, gozando desta terra, é tamén parte dela. Porque vós, en definitiva, vides a ser (de) PARADELA.

Os Paneis

Queres saber máis?

Contacta con Nós